Escuchar
martes, 15 Setembro, 2020

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta mañá a catro persoas feridas de diversa consideración como consecuencia dun choque por alcance con sete vehículos implicados na AP9, en Vigo.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, a colisión produciuse ás 11:30 horas desta mañá cando os vehículos circulaban pola Autopista do Atlántico ao paso pola parroquia de Cabral, preto do aeroporto vigués.

Decontado, varios condutores contactaron co teléfono único de emerxencias para solicitar asistencia médica para os posibles feridos. En total, catro persoas necesitaron asistencia médica e foron evacuadas con lesións de diversa consideración ao Sanatorio Concheiro. 

Da atención dos feridos ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como do tráfico, os axentes da Garda Civil. Tamén foi informada a Policía Local e os voluntarios de Protección Civil da cidade.