Escuchar
martes, 22 Setembro, 2020

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibe a alerta a través do sistema automático de chamada de emerxencia e-call.

Un total de catro persoas resultaron feridas e, unha delas, debido á importancia das lesións, foi evacuada nun helicóptero que o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazou ao punto. Ademais, foi necesario interromper o tráfico da N-547 en ambos os dos sentidos de circulación, mentres os servizos de emerxencias traballaban no lugar.

Nada máis recibir a chamada do sistema automático de emerxencia, ao fío das 14:00 horas, os xestores do 112 puxeron en marcha un operativo no que interviñeron ademais dos profesionais sanitarios, os axentes de Tráfico e da Policía Local, os Bombeiros e os efectivos de Protección Civil da localidade.

Tamén varios particulares contactaban, a esa hora, co 112 Galicia para informar dun choque frontal entre dous vehículos na estrada que une Arzúa e Melide, á altura da curva de Ribadiso.

Así, tras chegar ao lugar dos feitos, a Policía Local comunicou ao 112 Galicia o peche da N-547, no punto quilométrico 60, á altura de Rendal, en ambos os dous sentidos para facilitar o traballo dos profesionais na evacuación dos feridos.

Unha vez evacuados os feridos e rematado o traballo dos servizos de emerxencias, os axentes de Tráfico confirmaron que a circulación da vía quedou totalmente restablecida.