Escuchar
mércores, 17 Xullo, 2019

Os servizos de emerxencias contiveron ata a súa recollida un derrame de combustible procedente dun camión que envorcou sobre un vehículo aparcado en Narón.

Por fortuna, ninguén resultou ferido e a carga do camión, cal triturada, apenas sufriu danos. 

Todo sucedeu ás 15:30 horas, cando unha persoa particular contactou co 112 Galicia para informar dun camión de transporte envorcado sobre un coche na rotonda de acceso á Rúa Rieiros, no Polígono Río do Pozo. Tras confirmar que o turismo estaba baleiro e o camioneiro en perfecto estado de saúde, desde o 112 pediuse a colaboración dos Bombeiros de Narón co fin de comprobar o estado da carga.

Pouco despois, confirmaron que o camión transportaba cal triturada e apenas resultou afectada. Descartaron ademais calquera risco para a poboación e, iso si, contiveron en pequenas piscinas un derrame de combustible procedente do depósito do camión ata a completa retirada por parte da empresa responble do transporte.  

Millo vertido en Pontevedra
Tamén unha vertedura de millo na PO-531 dificultou a circulación ao paso pola parroquia pontevedresa de Campañó, concretamente, na rotonda de Vao.

A alerta sobre esta situación chegou ao 112 Galicia da man dos axentes da Garda Civil de Tráfico cando pasaban da seis desta tarde. Así, con fin de restablecer as condicións de seguridade na vía o antes posible, desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos equipos de limpeza da Axencia Galega de Infraestruturas.