Dous mozos, en perfecto estado de saúde despois de pasar un tempo perdidos no Monte da Antena, en Cangas.
As coordenadas de Whatsapp que enviaron ao 112 Galicia permitiron a súa localización hora e media despois da súa chamada de alerta.
Efectivamente, foron os propios afectados quen contactaron co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia para pedir axuda, pois descoñecían o camiño de volta despois de facer un percorrido monte arriba desde o lugar do Balcón do Rei. Iso si, explicaron que estaban ben e, mediante as indicacións dos xestores de emerxencias, enviaron a súa posición a través da aplicación móbil Whatsapp.
Con estes datos, o persoal do 112 Galicia informou aos membros do servizo local de Protección Civil de Cangas, así como aos axentes da Policía Local e a Garda Civil.
Aproximadamente unha hora e media despois, os efectivos de Protección Civil atopaban aos mozos en bo estado, apenas unhas rabuñadas, polo que rexeitaron a asistencia médica.