Escuchar
luns, 21 Setembro, 2020

A desaparición dun pescador mantén activo un operativo, que centra a busca na zona de Covas, en Ferrol.

Un lugar que o home adoitaba frecuentar nestes últimos días para a práctica da pesca deportiva con caña, tal e como indicou a súa familia durante chamada de alerta que efectuaron ao 112 Galicia na medianoite.

Segundo explicaron, o señor marchou da casa sobre as 15 horas da tarde de onte e desde ese momento non volveron saber nada del. Despois de varios intentos de chamadas ao seu móbil, así como buscas pola zona onde intuían que podía estar, ao fío da medianoite contactaron co 112 Galicia para pedir axuda. Deste xeito, activouse un operativo de busca no que traballan Salvamento Marítimo, Servizo de Gardacostas de Galicia, Policía Nacional e Local, Bombeiros de Ferrol e voluntarios de Protección Civil.

Os efectivos que participan neste operativo estanse a centrar na zona de Covas, pois alí localizaron algúns indicios do seu paso polo lugar.  

Rescate na Praia de Llas, en Foz
Ademais, o 112 Galicia rexistrou esta madrugada outro accidente no mar. En concreto, tratouse dun veleiro cunha vía de auga á altura da Praia de Llas, en Foz. A tripulación tivo que ser rescatada polo helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia, o Pesca-II, que recolleu aos tres ocupantes do veleiro en perfecto estado de saúde. 

Con todo, a embarcación rematou por afundir, por iso, resultaron visibles algúns obxectos que comezaron a emerxer do veleiro. Deste xeito, un particular, que pescaba pola zona a bordo dun barco, chamou alarmado ao 112 Galicia pola material de embarcación que flotaba na auga.

A información sobre este naufraxio chegou ao 112 Galicia pasadas as cinco da madrugada a través da Garda Civil e de Salvamento Marítimo, cuxo persoal xa traballaba no rescate da tripulación e no control da embarcación danada.