Escuchar
sábado, 21 Setembro, 2019

Unha persoa faleceu tras caer por un barranco co seu vehículo cando circulaba pola estrada de San Martiño, no concello lucense de Foz.

Ás 11:45 horas, un particular alertaba ao 112 Galicia. Ademais de indicar que o coche se precipitara por un desnivel, aseguraba que no seu interior había unha persoa que non podía saír.

Con estes datos, pasouse aviso ao persoal sanitario, aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo, aos axentes de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil.

Finalmente, unha vez no punto, os Bombeiros comunicaron que os membros do GES acababan de excarcerar ao ocupante falecido do interior do turismo.

Dúas persoas excarceradas
Minutos antes, tamén en Foz, sobre as 11:30 horas, un particular informaba ao 112 Galicia da saída de vía dun turismo que circulaba pola estrada que vai de Foz a Ferreira, ao redor do punto quilométrico 5.

Ata o punto desprazáronse de inmediato os Bombeiros de Barreiros, tras indicar o alertante que podía haber persoas atrapadas no interior do turismo. Do mesmo xeito, foron tamén informados o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes de Tráfico, Policía Local, os GES de Cervo e os efectivos de Protección Civil da localidade.

Unha vez no lugar e despois de  liberar ás dúas persoas do interior do turismo, os Bombeiros comunicaron que o vehículo ao saírse da vía chocara contra un farol de cemento, o que provocou que o cabreado quedara espallado pola vía.

Por iso, os xestores de emerxencias, tamén  requiriron a presenza do persoal de mantemento da vía e informaron á compañía de electricidade que abastece a zona.