Unha colisión entre dous turismos deixou esta tarde dúas persoas feridas no termo municipal coruñés de Cabanas.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu a chamada de alerta a través dunha persoa particular, dez minutos antes das 18:00 horas. Indicaba que podía haber persoas feridas e que os turismos ocupaban a vía.
A partir de aí, os xestores do CIAE pasaron o aviso ao Servizo Sanitario de Urxencias de Galicia-061, aos Bombeiros do Eume, ao GES de Mugardos e á Garda Civil de Tráfico. Tamén, os axentes da Policía Local e de Protección Civil da localidade foron informados do accidente.
Unha vez no punto, os profesionais sanitarios confirmaron o traslado de dúas persoas ao centro hospitalario de referencia.
O accidente ocorreu na N-651, na estrada que une Laraxe e Pontedeume, na coñecida como a curva do Gaiteiro. Ata alí, tamén se desprazou o persoal do servizo de mantemento da estrada, que se ocupou da limpeza da vía, tras ser requiridos polo 112 Galicia.