Escuchar
venres, 22 Maio, 2020

Dous sinistros rexistrados durante esta tarde deixaron un total de dúas persoas feridas de diversa consideración en senllos accidentes rexistrados en Cariño e no Barco de Valdeorras.

O primeiro deles sucedeu preto das 15:00 horas cando un particular contactaba co 112 Galicia para dar conta dunha colisión entre un turismo e unha moto no concello de Cariño, concretamente á altura da canteira de San Andrés.

Axiña, os xestores do 112 Galicia poñían o suceso en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, debido a importancia do impacto, mobilizou un equipo médico a bordo da aeronave con base en Santiago, aínda que finalmente non chegou a intervir.

Tamén, pediuse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos membros do GES de Ortigueira, quen pouco despois confirmaban ao 112 Galicia o traslado do ferido en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia

Colisión no Barco de Valdeorras
Por outra banda, ás 16:45 horas, tiña lugar un novo accidente na Rúa das Covas, no Barco de Valdeorras, subindo cara o Serro. Nesa ocasión, un motorista foi evacuado despois de chocar o seu vehículo contra un turismo.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro a través dun particular que solicitaba asistencia sanitaria urxente para o motorista ferido.

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios, dos Bombeiros e GES de Valdeorras, dos axentes da Policía Local e dos membros de Protección Civil da localidade.