Escuchar
domingo, 8 Marzo, 2020

Dúas persoas resultaron afectadas este mediodía en Boiro a causa do fume que inhalaron ao arder un deshumidificador nunha vivenda situada na Rúa de Espadañal. Ademais, unha das persoas atendidas precisou ser trasladada ao Centro de Saúde da localidade.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso, ao fío das 14:00 horas. Foi nese momento cando un particular solicitaba aos xestores de emerxencia a intervención dos Bombeiros, posto que segundo indicaba, ardía un cadro eléctrico nunha vivenda, que estaba chea de fume e as persoas que había no seu interior non podían saír.

De inmediato, pasouse aviso aos Bombeiros de Boiro e aos Servizos Sanitarios de Urxencia de Galicia-061, así como á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Tras chegar ao domicilio os Bombeiros comunicaron ao 112 Galicia que unicamente ardera un deshumidificador que xa fora apagado cando chegaron. Iso si, procederon a ventilar a vivenda e axudaron a baixar ás dúas persoas afectadas que se atopaban no balcón.