Escuchar
martes, 19 Novembro, 2019

Dúas persoas precisaron asistencia médica esta tarde en Barro despois de que o turismo no que viaxaban se saíse da vía e rematase batendo contra unha casa. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as dúas persoas feridas foron trasladadas ao hospital Montecelo.

O accidente produciuse no punto quilométrico 109, da N-550, ao fío das 16:50 horas.

Foi unha persoa particular quen alertou do sinistro ao 112 Galicia e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Ribadumia e Pontevedra, ao servizo de mantemento da vía e a Protección Civil de Barro.

Colisión entre dous coches
Por outra banda, na Rúa, unha persoa tivo que ser trasladada ao centro hospitalario de referencia despois dunha colisión na que se viron implicados dous turismos. Ademais, un home resultou ferido leve.

Ocorreu na rúa Arnaveca, uns minutos antes das 17:30 horas. Nese momento, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar do accidente.

A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local, dos Bombeiros e GES de Valdeorras e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.