Escuchar
luns, 14 Outubro, 2019

Dúas persoas tiveron que ser rescatadas do interior do coche no que quedaron atrapadas despois de envorcar na saída do Túnel de Bouzas, en Vigo.

Cando lograron sacalos do vehículo, os servizos sanitarios de urxencia trasladaron aos feridos ao Hospiral Álvaro Cunqueiro.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 8:15 horas de hoxe mediante as diversas chamadas de condutores alertados pola situación na que quedou o turismo, completamente virado e coas rodas para arriba. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, avisouse aos Bombeiros de Vigo para liberar ás dúas persoas atrapadas no interior do coche e con diversas lesións das que serán tratadas no Hospital Álvaro Cunqueiro, a onde foron evacuadas por unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Ademais, neste operativo foi necesaria a colaboración dos axentes da Policía Local co fin de facilitar a actuación dos servizos de emerxencias e dos equipos médicos.

Accidentes na área viguesa
Non foi o único accidente rexistrado na área de Vigo durante as primeiras horas desta mañá. De feito, ás 7:30 horas, o 112 Galicia rexistrou un choque entre dous vehículos na AP-9, entre os túneles de Madroa e Candeán. Foi un dos implicados na colisión quen contactou co servizo de emerxencias para dar conta da situación e pedir asistencia médica para outra persoa.

Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias der Galicia informaron aos profesionais sanitarios, así como aos axentes da Garda Civil de Tráfico para organizar o tráfico mentres non sexan retirados os vehículos sinistrados.

Colisión múltiple en Santiago
Ademais, cómpre sinalar outro sinistro rexistrado na AG-56, en Santiago, no que se viron implicados tres vehículos e no que resultou ferida unha persoa. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o choque produciuse ás 8:34 horas de hoxe e foi necesaria a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 debido ás lesións que presentaba un dos ocupantes.

Ao lugar tamén acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico e un equipo da Axencia Galega de Infraestrutura para a retirada dos restos provocados polo impacto.