Escuchar
luns, 29 Xuño, 2020

Unha saída de vía na N-634, á altura da parroquia de Fisteus, no concello coruñés de Curtis, saldouse con dúas persoas trasladadas na noite de onte.

O accidente tivo lugar ao fío das 23:00 horas. Nese momento, un particular contactou co 112 Galicia para informar de como un vehículo se saíra da vía no lugar de Illana. Malia que as testemuñas do sinistro non foron capaces de atopar o punto exacto onde se produciu o incidente, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Betanzos e dos membros do GES de Curtis.

Minutos máis tarde outro alertante chamou ao 112 para solicitar axuda, pois un familiar indicoulle que sufrira un accidente naquela localidade e necesitaba auxilio para abandonar o turismo no que circulaba.

Con estes datos, os equipos de emerxencia que acudiron ao lugar dos feitos atoparon o coche accidentado e puideron evacuar aos feridos ata o centro hospitalario de referencia.

Cómpre sinalar que os efectivos de intervención descartaron o uso do material de excarceración tras comprobar que os feridos estaban liberados e accesibles.

Para garantir as condicións de seguridade na vía, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil de Tráfico e tamén do servizo de mantemento das estradas.

Saída de vía en Ponteareas
Por outra banda, unha persoa foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo despois de saírse da vía co seu vehículo na estrada que une Ponteareas a Fontenla.

Ás 19:45 horas da tarde de onte, a chamada dun particular puxo en alerta aos xestores do 112 Galicia. Segundo a información facilitada, ao sufrir o accidente, o ocupante do turismo atopábase indisposto e necesitaba asistencia sanitaria.

Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia avisouse aos servizos sanitarios, aos membros do GES-SPEIS Ponteareas, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e tamén aos efectivos de protección Civil da localidade.