Escuchar
domingo, 22 Novembro, 2020

Unha posible intoxicación por inhalación de gas motivou o traslado de dúas persoas ata un centro médico na noite de onte. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos bombeiros que acudiron ao lugar dos feitos, unha vivenda localizada na parroquia de Bardaos, a presenza de monóxido de carbono foi confirmada despois da realización das comprobacións pertinentes.

O incidente tivo lugar ás 21:30 horas na localidade da Sanguiñeira, no termo municipal coruñés de San Sadurniño. A esa hora, os servizos sanitarios contactaron co 112 para alertar sobre un probable escape de gas nun domicilio.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros do Eume, dos axentes da Garda Civil e da empresa subministradora do gas.

Unha vez na vivenda, os efectivos de emerxencia confirmaron ao CIAE que a mala combustión dun quentador antigo puido ser a causa do escape nocivo de gas. Así, as dúas persoas afectadas foron encamiñadas ao centro hospitalario de referencia polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento procederon a ventilar a casa.

Cómpre sinalar que desde o 112 tamén pasouse aviso á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.