Escuchar
martes, 14 Xullo, 2020

Un incendio orixinado na campá extractora dunha cociña saldouse con dúas persoas evacuadas ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña con síntomas de intoxicación por inhalación de fume. Os feitos tiveron lugar ás 17:30 horas desta tarde na Rúa de Baldaio, na Coruña.

A esa hora, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para informar dos feitos. Segundo o seu relato, víase saír un fume negro do interior dunha das vivendas dun edificio localizado á altura do número 8.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros da Coruña.

Unha vez no lugar, os equipos de emerxencia procederon a ventilar o inmoble e informaron que dúas persoas foron evacuadas polos servizos sanitarios.

Desde o 112 Galicia avisouse tamén aos axentes da Policía Local e aos membros de Protección Civil da localidade.