Escuchar
domingo, 9 Agosto, 2020

Un helicóptero medicalizado desprazouse esta tarde ata a zona recreativa próxima ao Río Eo, no termo municipal lucense da Pontenova, para evacuar a unha rapaza que foi rescatada da auga inconsciente.

Todo comezou ao fío das 17:30 horas, cando varias persoas particulares informaban ao 112 Galicia dunha persoa que necesitaba axuda nese lugar. Segundo a información facilitada ao 112, un grupo de menores atopábase xogando dentro da auga cando perderon de vista a unha delas.

Poucos minutos despois, outro alertante comunicaba ao 112 que a menor fora localizada e xa estaba fóra da auga pero necesitaba asistencia sanitaria urxente.

De inmediato, os xestores do 112 Galicia deron conta dos feitos aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaron ata o punto á aeronave medicalizada con base en Ourense. Así, o helicóptero tomou terra nunha área próxima ao entorno fluvial.

Para prestar apoio ao equipo médico, desde o Centro Integrado de Emerxencias de Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Barreiros, dos membros do GES da Pontenova, dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil da localidade.