Escuchar
domingo, 25 Agosto, 2019

Unha colisión entre dous turismos na N-536, en Carballeda de Valdeorras, obriga a mobilizar ao helicóptero medicalizado para evacuar a un dos condutores ferido de consideración.

Mentres, o outro afectado foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia con lesións de menor importancia.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, en total, dúas persoas necesitaron asistencia médica a causa da colisión entre dous coches no lugar de Sobradelo. Como consecuencia do impacto, un dos condutores afectados quedou atrapado no interior do seu vehículo, polo que, ademais, necesitou da intervención dos Bombeiros de Valdeorras para saír do vehículo. 

Así, ademais dos efectivos do parque comarcal, ao lugar do sinistro acudiu un equipo médico a bordo do helicóptero con base en Ourense para evacuar ao condutor en canto foi liberado polos efectivos de rescate. No accidente tamén resultou afectado o outro condutor implicado, aínda que presentaba lesión de menor importancia.

Cómpre sinalar que este operativo activouse ás 13:40 horas de hoxe despois de recibir o 112 Galicia a chamada de alerta dun veciño.