Escuchar
martes, 21 Maio, 2019

A saída de vía dun camión na estrada que une a localidade lucense de Samos e Triacastela saldouse co condutor do vehículo ferido, que tivo que ser trasladado ao centro hospitalario de referencia.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente a través da chamada dun particular, ao redor das 09:30 horas desta mañá. Segundo a información recibida, o vehículo envorcou á altura do punto quilométrico 31 da LU-633.

De inmediato, os xestores do CIAE puxeron os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Sarria e da Garda Civil de Tráfico. Ademais, avisouse tamén ao persoal do servizo de mantemento da vía, xa que o camión ocupaba parte dun dos carrís e interrompía a circulación.

Unha vez no lugar do sinistro, os servizos de emerxencias confirmaron que aínda que o ferido estaba liberado e accesible, foi necesaria a súa evacuación polo persoal sanitario.

Colisión múltiple en Rábade
Por outro lado, unha colisión múltiple entre tres turismos na N-VI rematou cunha persoa ferida e trasladada polos servizos sanitarios.

Varios particulares puxéronse en contacto co 112 Galicia poucos minutos antes das 10:00 horas da mañá de hoxe para indicar que, tras o accidente na rotonda de entrada ao concello lucense de Rábade, os vehículos entorpecían o tráfico na zona.

Axiña, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias avisouse ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Vilaba, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e tamén ao servizo de mantemento das estradas.