Escuchar
sábado, 20 Abril, 2019

Unha colisión frontal entre dous turismos na N-651, á altura do punto quilométrico 5, no concello coruñés de Paderne, saldouse con dúas mulleres feridas. Unha delas foi evacuada en helicóptero medicalizado e a outra en ambulancia. Ambas foron trasladadas ao Hospital Juan Canalejo.

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tiveron constancia dos feitos ao recibir a chamada dunha persoa particular preto das 15:30 horas da tarde hoxe. Segundo a información recibida, dúas persoas necesitaban axuda tras colidir os coches nos que viaxaban e quedar atrapadas.

Desde o 112 Galicia avisouse de inmediato ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Betanzos, á Garda Civil de Tráfico, aos membros de Protección Civil de Paderne e de Betanzos e tamén ao servizo de mantemento das estradas.

Unha vez no lugar do sinistro, os servizos de emerxencia informaron que foi preciso o uso do material de excarceración para liberar ás ocupantes de ambos vehículos.

O accidente obrigou a cortar a circulación na vía debido aos traballos de limpeza e mantemento para restablecer as condicións de seguridade da mesma.