Escuchar
martes, 30 Outubro, 2018

Un home resultou ferido despois de envorcar o vehículo que conducía ao seu paso pola localidade pontevedresa de Salvaterra de Miño. Ademais, o condutor e, único ocupante, tivo que ser excarcerado polos Bombeiros de Ponteareas, tras quedar atrapado no interior do turismo.

Ao fío das 00:30 horas desta madrugada, unha persoa particular alertaba ao 112 Galicia dun coche envorcado á altura do punto quilométrico 287 da A-52,  dirección Ourense. Indicaba, ademais, que a persoa podía estar atrapada no seu interior.

A partir de aí, os xestores do 112 alertaron axiña ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Porriño e de Ponteareas. Tamén,  os axentes de Tráfico se desprazaron ao punto nada mais ser requiridos polo 112 Galicia.

Unha vez liberado, o condutor foi evacuado polos servizos sanitarios de urxencia ao centro hospitalario de referencia.

Camión incendiado
Por outra banda, sobre as 00:00 horas da noite pasada, un camioneiro chamaba ao 112 Galicia para informar de que lle ardía o camión. Indicaba que se atopaba na A-6, ao redor do punto quilométrico 456, dirección Lugo, no Furco, en Becerreá. No seu relato, explicaba que o vehículo cargaba perfís de aluminio e que ardía pola parte de atrás da cabina.

Aínda que unha ambulancia do 061 se desprazou ao lugar dos feitos, por precaución,  afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais. Unicamente ardeu a cabina do vehículo, sen que o remolque se vise afectado. Así o relataron os membros do GES de Becerreá, que acudiron ao punto nada mais ser alertados polo 112 Galicia. Así mesmo, tras recibir o aviso, dende o 112 tamén se pasou aviso aos Bombeiros de Sarria e á Garda Civil de Tráfico.

Os Bombeiros, unha vez no lugar, colaboraron cos membros do GES na extinción do lume e refrixeraron a zona.