Escuchar
martes, 15 Outubro, 2019

Unha muller resultou ferida esta tarde nunha colisión na que se viron implicados a furgoneta na que circulaba e un camión cisterna en Castro de Rei. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, os Bombeiros de Vilalba excarceraron á muller, ao quedar atrapada no interior do vehículo no que viaxaba.

O accidente produciuse no punto quilométrico 68 da N-640, ao fío das 14:10 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do sinistro.

Nada máis ter constancia, os xestores do CIAE 112 Galicia requiriron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilalba, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía.

Atropelo
Por outra banda, no Pereiro de Aguiar, unha persoa foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense despois de ser atropelada.

O accidente ocorreu na OU-536, á altura da parroquia de San Xoán de Moreiras,uns minutos antes das 15:05 horas.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, decontado, o persoal do CIAE 112 Galicia pasou o aviso á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de San Cibrao das Viñas, ao GES do Pereiro de Aguiar e ao servizo de mantemento da estrada.