Escoitar
luns, 14 Setembro, 2020

Un home perdeu a vida esta tarde en Castro Caldelas despois de que o tractor que manexaba caese por un desnivel e envorcase. Para liberalo, foi necesaria a intervención dos servizos de emerxencia, posto que o varón rematou atrapado entre o vehículo e unha parede.

Os feitos sucederon no lugar de Casanova, na parroquia de Alais, ao fío das tres da tarde. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do accidente.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ata unha zona próxima ao sinistro un helicóptero medicalizado. Ademais, o persoal de emerxencias requiriu a actuación no operativo dos Bombeiros de Monforte de Lemos, do GES de Castro Caldelas, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, unha vez que os servizos de emerxencia liberaron ao home, os efectivos médicos nada puideron facer por salvarlle a vida.