Escoitar
sábado, 5 Maio, 2018

Un motorista resultou falecido tras sufrir un accidente co seu vehículo cando circulaba pola N-VI, ao paso polo concello coruñés de Aranga, en sentido Betanzos.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento do suceso mediante a chamada de alerta dun particular pasadas as cinco desta tarde. Segundo explicou, o sinistro produciuse na parroquia de San Vicente das Fervenzas ata onde se desprazou un equipo médico a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago, pero nada puideron facer por salvarlle a vida.

Ademais, os servizos sanitarios de urxencia contaron coa colaboración dos bombeiros de Betanzos e do persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento, que se encargaron da eliminación dos restos do accidente e do restablecemento da seguridade na vía.

Igualmente, cómpre salientar que outras dúas persoas resultaron feridas, tamén a consecuencia dun accidente cunha moto implicada, no concello ourensán de Baños de Molgas. Segundo informaron testemuñas do accidente ao 112 Galicia, o vehículo saíuse da vía nunha curva cando circulaba pola OU-0104.

O impacto provocoulle aos dous ocupantes lesións de consideración, polo que necesitaron asistencia médica. 

O sinistro rexistrouse ás 16:30 horas de hoxe.