Escuchar
mércores, 16 Setembro, 2020

Unha persoa foi trasladada nun helicóptero medicalizado despois de ser atropelada polo tractor que manexaba nas proximidades da Igrexa de Beade, en Ourense. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a persoa resultou ferida ao caer do vehículo agrícola cando trataba de esquivar un turismo e o tractor pasoulle por encima.

O 112 Galicia recibiu a alerta do suceso preto das 17:30 horas, a través da chamada dunha persoa particular. Indicaba no seu relato que a persoa accidentada precisaba asistencia sanitaria urxente.

Decontado, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado ata o lugar dos feitos e no que foi finalmente trasladada a un centro hospitalario.

Ademais, desde Emerxencias 112 pasouse o aviso á Garda Civil de Tráfico, aos efectivos do GES de Ribadavia, aos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade do Ribeiro e aos Bombeiros do Carballiño.