Escuchar
mércores, 12 Xuño, 2019

Un operario resultou ferido de consideración esta tarde na localidade lucense de Vilalba ao caerlle unha árbore enriba, mentres realizaba traballos no monte.

O accidente ocorreu pasados uns minutos das 16:30 horas desta tarde, nunha zona de monte moi preto da rotonda grande de Vilalba. A esa hora, os servizos sanitarios comunicaban ao 112 Galicia o traslado do traballador ao Centro de Saúde da localidade. Polo que, os xestores de emerxencias informaron aos axentes da Garda Civil, da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. Ao mesmo tempo, os profesionais sanitarios informaban da saída do helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o Centro de Saúde.  

Unha vez no lugar, os axentes solicitaron ao 112 Galicia a saída dos Bombeiros de Vilalba, posto que, o traballador foi evacuado nun coche particular e debido á dor causada polas lesións producidas, era necesaria a intervención dos Bombeiros para sacar ao home do interior do turismo.

Finalmente, os efectivos de Protección Civil confirmaron o traslado do ferido na aeronave, desde o Centro de Saúde ata o Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

Laboral en Pereiro de Aguiar
Por outra banda, ao fío das 18:30 horas, os servizos sanitarios comunicaban ao 112 Galicia da saída do helicóptero medicalizado con base en Ourense para o traslado doutro operario. Neste caso, segundo indicaron, tratouse dun traballador ferido ao ser atropelado por unha máquina.

O accidente ocorreu nun taller de maquinaria situado en Cachamuíña, en A Lamela, na localidade de O Pereiro de Aguiar. Tras recibir a chamada de alerta, o 112 Galicia solicitou a colaboración dos axentes da Garda Civil.

Os servizos sanitarios de urxencia confirmaron o traslado do ferido no helicóptero ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.