Escuchar
martes, 21 Xaneiro, 2020

Un operario quedou atrapado pola caída dunha parede mentres realizaba o desentullo dun local de oficinas en Bergondo. Para liberalo, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Betanzos, que localizaron ao ferido atrapado polas pernas.

Unha vez liberado, o operario foi evacuado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia, onde será atendido das lesións provocadas pola caída dun tabique cando traballaba nas instalacións situadas na parroquia de Lubre, concretamente no Polígono Industrial de Bergondo. Alí acudiron os servizos de emerxencias en canto o 112 Galicia recibiu a chamada de alerta dunha persoa particular este mediodía.

Ademais dos profesionais sanitarios e os efectivos de salvamento, ao lugar do accidente acudiron os axentes da Policía Local e da Garda Civil co fin de coñecer os detalles do accidente.  

Operario ferido en Mos
Tamén, en Mos, un operario resultou ferido despois de ser alcanzado por un camión no Polígono Industrial de Veigadaña. Para ser atendido das lesións provocadas polo impacto, o traballador foi evacuado polos servizos sanitarios de urxencia ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Foi unha persoa particular quen alertou a través da súa chamada ao 112 Galicia minutos antes das nove desta mañá. A partir de aí, activouse un operativo formados polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os membros do servizo local de emerxencias. Tamén contaron co apoio dos axentes da Garda Civil.