Escuchar
sábado, 31 Agosto, 2019

Un atropelo na Rúa da República Arxentina, en Santiago, saldouse con unha persoa ferida que tivo que ser liberada polos bombeiros na madrugada de hoxe.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 6:15 horas. Segundo a información facilitada, unha persoa necesitaba axuda ao ser atropelada por un turismo e quedar atrapada debaixo do vehículo.

Ao ser informados polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento de Santiago acudiron ao lugar dos feitos e confirmaron que foi preciso liberar ao ferido. Unha vez rematada a intervención por parte dos bombeiros, a persoa puido ser evacuada en ambulancia polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Desde o 112 Galicia informouse tamén á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Colisión entre un turismo e un taxi en Muros
Por outra banda, un taxista resultou ferido tras chocar o coche no que viaxaba contra un turismo na AC-550, á altura do punto quilométrico 37.

Segundo puido saber o 112 Galicia, o accidente produciuse na estrada de Muros a Louro, poucos minutos antes das 07:00 horas da mañá de hoxe. O taxista foi trasladado en ambulancia polos servizos sanitarios ata o Centro Hospitalario Universitario de Santiago.

Nada máis ter constancia dos feitos, os axentes do CIAE puxeron tamén a situación en coñecemento dos Bombeiros de Cee, do GES de Muros, da Garda Civil de Tráfico, dos membros de Protección Civil da localidade e do servizo de mantemento das estradas.