Escoitar
xoves, 25 Febreiro, 2021

A acumulación de monóxido de carbono no interior dun domicilio obrigou a evacuar a dúas persoas, un adulto e un menor, en Muros.

Posiblemente, a mala combustión dun quentador de auga puido ser a orixe desta intoxicación, que levou aos dous ocupantes dunha vivenda en Madernados ao Hospital Clínico de Santiago.

O 112 Galicia tivo coñecemento deste suceso pasadas as dez da noite pasada mediante un aviso dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que acudiron a este enderezo para atender a dúas persoas, un adulto e un menor, que presentaban síntomas compatibles cunha intoxicación por monóxido de carbono.

Para comprobar esta situación, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos membros do GES de Muros para que se realizasen as medicións necesarias. Unha vez rematadas, concluíron que a causa podería ser unha mala combustión do quentador de auga, aínda que o feito de que a estancia estivese ventilada impediu establecer unha orixe con toda fiabilidade.