Escuchar
domingo, 5 Xullo, 2020

O 112 Galicia recibe o aviso dun accidente de tráfico en Touro mediante o sistema de alerta ecall.

Esta función, que deben levar instalada os vehículos de recente fabricación, permite, tamén, establecer comunicación co interior do vehículo, o que fixo posible falar directamente co condutor do coche. El mesmo explicou que necesitaba axuda para saír do vehículo, pois estaba atrapado polo asento traseiro.

Decontado, o persoal do 112 Galicia facilitou aos Bombeiros de Arzúa os datos sobre a localización do vehículo, polo que, pouco tempo despois, o ferido estaba xa fóra do vehículo para ser atendido polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. 

Cómpre lembrar que o sistema ecall consiste nuns sensores instalados no vehículo que, tras detectar o impacto, realizan unha chamada automática ao 112 e emiten unha serie de datos necesarios para a localización do accidente. Desta maneira, poden acurtarse os tempos de resposta e aumentan as posibilidades de rescatar con éxito aos posibles feridos.

A operativo activouse no 112 Galicia pasadas as catro desta tarde, unha vez recibido o aviso do ecall e, ademais, chamadas de persoas particulares que alertaban do mesmo accidente. A partir de aí, informouse aos bombeiros e aos equipos médicos, así como aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos voluntarios de Protección Civil de Touro.