Escuchar
domingo, 24 Xaneiro, 2021

Un condutor necesitou axuda despois de caer por un terraplén cando circulaba pola LU-P-3501, á altura da parroquia de Galegos, no concello lucense de Navia de Suarna. Os equipos de emerxencia puideron acceder ao punto onde se atopaba grazas ao envío da súa localización a través do sistema instantáneo de mensaxes, Whatsapp.

Ocorreu ao fío das 23:00 horas cando un familiar chamou ao 112 Galicia para informar do sucedido. Durante a comunicación cos xestores de emerxencias, indicaba que o condutor do vehículo sufrira unha saída de vía e caera por un desnivel pero que non sabía en cal punto da estrada se atopaba.

Dese xeito, os profesionais do 112 Galicia solicitaron o envío das coordenadas a través do Whatsapp e puxeron esa información a disposición dos equipos de intervención. Así, os Bombeiros de Sarria e os efectivos do GES de Becerreá puideron acceder ao lugar do accidente e comprobar o estado do ferido.

Para prestarlle asistencia médica, desde o 112 pasouse aviso aos profesionais sanitarios. Unha vez no lugar, o equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, evacuou o condutor ata o Hospital Universitario Lucus Augusti.

A intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico tamén foi solicitada para garantir as condicións de seguridade na vía.