Escuchar
xoves, 3 Decembro, 2020

A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) achega máis medios para a extinción do lume que afecta a un barco pesqueiro atracado en Bouzas, Vigo.

Mediante o Grupo de Apoio Loxístico, a AXEGA envía á cidade olívica unha motobomba de gran caudal e o equipo de drons para incorporar ao operativo de extinción activado esta mañá.

Ademais, debido á cantidade de medios e recursos humanos que están a traballar para apagar este lume, o persoal da Autoridade Portuaria solicitou, mediante o 112 Galicia, a colaboración preventiva dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Con todo, insisten en que ningunha persoa sufriu danos, mais a complexidade do incendio require de máis medios de seguridade para continuar coas tarefas de extinción.

Deste xeito, prodúcese a colaboración do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA, que, a maiores dunha motobomba de gran caudal e os drons, achega un equipo de catro técnicos. 

Cómpre lembrar que, ás 8:45 horas desta mañá, o 112 Galicia recibía a alerta por un incendio na adega dun pesqueiro atracado no Porto de Bouzas, o que motivou un operativo formado por Bombeiros Vigo, forzas da orde e Autoridade Portuaria. Desde ese momento, traballan para apagar o lume, agora coa incorporación de máis medios e recursos.