Escuchar
luns, 13 Xullo, 2020

As últimas horas de onte estiveron marcadas polos rescates en zonas de montaña e de díficil acceso. 

Ata en tres ocasións na tarde do domingo, o persoal do 112 Galicia debeu xestionar a mobilización dos recursos necesarios para atender e evacuar a tres persoas que sufriron diversos accidentes mentres realizaban sendeirismo e visitaban espazos fluviais habilitados para o baño.

Foi o caso dunha muller que sufriu lesións importantes nunha perna despois de caer mentres realizaba un ruta polo Río Barbanza, en Pazos de Borbén. Pasaban das cinco da tarde de onte, cando unha compañeira do grupo no que se atopaba a ferida contactou co 112 Galicia para dar conta do suceso. Igualmente, indicaba a dificultade para acceder ao lugar onde estaban, preto da desembocadura do caudal. 

Efectivamente, as condicións do terreo e o estado da ferida, que obrigaba a trasladala en padiola e co menor movemento posible, fixo que os medios desistisen dunha evacuación por terra e se valorasen outras opcións, como o traslado por vía aérea. Deste xeito, deberon intervir os rescatadores do helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia, que, finalmente, levaron á ferida ata o Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo.

Ademais dos rescatadores da Consellería do Mar, neste operativo participaron os profesionais sanitarios de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros do Baixo Miño e Vigo, voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea e os axentes da Garda Civil.

Segundo rescate nas piscinas naturais da Pobra
Con todo, non foi o único rescate que efectuou o persoal do Servizo de Gardacostas onte, xa que, ao fío das sete da tarde, o 112 Galicia recibía outra chamada desde A Pobra do Caramiñal, onde outra muller caeu nas piscinas naturais e sufriu lesións importantes que tamén obrigaron á súa evacuación por vía aérea. 

Como ocorrera en Pazos de Borbén, o estado da ferida e a dificultade para acceder motivou a mobilización dos rescatadores do Pesca I, que logo de realizar o traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, acudiron á Pobra do Caramiñal para rescatar e evacuar á ferida ao centro hospitalario de referencia na comarca barbanzá.

Terceiro rescate na Lama 
Un pouco máis tarde, preto das 19:30 horas de onte, unha terceira persoa que visitaba a fervenza da Freixa, no concello pontevedrés da Lama, sufriu outra caída e necesitou da axuda dos servizos de emerxencias para recibir asistencia médica e facilitar a súa evacuación cara a un centro médico. Neste caso, bastaron os medios humanos desprazados no lugar do accidente para alcanzar o obxectivo. Así, contou coa axuda dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea. Igualmente, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos Bombeiros de Ribadumia, que, cando estaban próximos ao lugar, recibiron confirmación do rescate da persoa ferida.