Alertas activas:

Escuchar
venres, 27 Novembro, 2020

Os servizos sanitarios de emerxencia trasladaron na tardiña de onte a catro membros dunha familia que presentaban síntomas de intoxicación por monóxido de carbono.

Despois de realizar as correspondentes medicións, que deron positivas, comprobaron que procedía do mal funcionamento dun quentador de auga.

Foi un dos adultos quen, ante o malestar dun dos fillos, chamou ao 112 Galicia para solicitar asistencia. Tras recibir a atención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, estes comezaron a sospeitar que os mareos que sentían todos os membros da familia, dous adultos e dous menores, podería ter moito que ver cunha acumulación de monóxido de carbono no domicilio. Por iso, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros de Vigo, que, despois de realizar as necesarias medicións, detectaron a presenza de monóxido de carbono causado polo mal funcionamento dun quentador de auga.

Así, os efectivos do parque municipal procederon a cortar o subministro de gas e ventilaron a vivenda. Pola súa parte, os afectados foron trasladados ao centro hospitalario de referencia por un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Ademais, contaron coa colaboración dos axentes da Policía Local.

Este operativo activouse ás 19:30 horas de onte.