Escuchar
domingo, 23 Febreiro, 2020

Na mañá de hoxe oito persoas tiveron que ser trasladadas, entre elas un membro do GES de Sanxenxo, e outras dez foron desaloxadas a causa dun incendio declarado no interior dun edificio da Rúa Porvenir en Portonovo, no concello pontevedrés de Sanxenxo.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de intervención, as persoas foron evacuadas con síntomas de intoxicación por inhalación de fume. Ata o momento, descoñécense as causas que provocaron o lume, que calcinou case por completo o terceiro piso do edificio. As plantas superiores tamén se viron afectadas polo fume.

Todo comezou ás 8:30 horas,  cando a esa hora, varios particulares contactaron co 112 Galicia para informar dun incendio no terceiro andar dun edificio situado na Praia de Caneliñas. Os veciños, aseguraban que había persoas no interior da vivenda afectada e que os moradores dos pisos superiores necesitaban axuda para abandonar as súas casas.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) púxose a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Salnés, do GES de Sanxenxo e dos axentes da Policía Local.

Unha vez no punto, os servizos de emerxencia procederon a evacuar o edificio e trasladar ás persoas afectadas polo fume a distintos centros hospitalarios. Os equipos de intervención traballaron arreo durante toda a mañá para atallar as lapas e ventilar o inmoble. Tras finalizar as tarefas de extinción, achegáronse ata o lugar técnicos municipais para avaliar os danos causados á estrutura do edificio.