Alertas activas:

Escuchar
xoves, 24 Setembro, 2020

Os Bombeiros do Xallas confirmaron ao remate da súa intervención que no accidente no que faleceu un home esta mañá houbo unha retroescavadora implicada. 

Así o comunicaron ao 112 Galicia cando finalizaron os traballos para o rescate da vítima e o persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas restableceu as condicións de seguridade na vía.

Cómpre recordar que o accidente, no que perdeu a vida o condutor do turismo, produciuse pouco antes das oito desta mañá, segundo indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para alertar. Foron, precisamente, as testemuñas do sinistro quen apuntaron a unha saída de vía do turismo e formularon a posibilidade de que houbese atrapados debido ao mal estado que presentaba o vehículo.

Deseguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos Bombeiros do Xallas, que, unha vez no lugar do accidente, comprobaron que poderían sacar á vítima sen medios de excarceración, aínda que xa carecía de pulso.

Cando remataron os traballos para o rescate do corpo, confirmaron a través do 112 Galicia que o accidente produciuse pola colisión do turismo cunha retroescavadora na AC400, ao paso pola Pereira, en Santa Comba.