Escuchar
luns, 27 Xaneiro, 2020

Un condutor tivo que ser rescatado esta tarde en Foz tras quedar o seu vehículo encaixado baixo un camión.

Unha vez liberado, o ferido foi evacuado en ambulancia ao Hospital da Costa, en Burela.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro produciuse pasadas as dúas desta tarde na estrada que une O Santo con San Martiño. Precisamente, foi o condutor do camión quen realizou a chamada ao servizo de emerxencias para pedir axuda para o único ocupante do turismo, encaixado nos baixos do camión.

Así, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos Bombeiros de Barreiros co fin de liberar ao condutor do turismo e facilitar a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, finalmente, trasladaron ao ferido ao Hospital da Costa, en Burela.

Ademais, contaron co apoio dos membros do GES de Cervo e dos voluntarios de Protección Civil da localidade. Tamén acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico.