Escoitar
mércores, 24 Febreiro, 2021

Os equipos de emerxencias recuperan o corpo sen vida dun home, que caeu ao mar no Portiño, na Coruña.

Previamente, o 112 Galicia recibiu un par de chamadas de alerta, unha delas dunha persoa que pescaba coa vítima cando unha onda a arrastrou. Así o explicou aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, que, rapidamente, puxeron os feitos en coñecemento do persoal de Salvamento Marítimo para a posta en marcha dun operativo de rescate.

Deste xeito, enviaron á zona o helicóptero Helimer, mentres que, por terra, se desprazaban patrullas da Policía Local e Nacional. Tamén contaban coa colaboración da sección acuática dos Bombeiros da Coruña, aínda que o corpo atopábase nunha zona de rompentes, que aconsellaba o rescate por aire.

Foi así como os rescatadores de Salvamento Marítimo a bordo do Helimer procederon á recollida do cadáver para o seu posterior traslado ao Aeroporto de Alvedro. 

Tamén foron informados os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e o persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Aparece sen vida o home desaparecido en Ares
Ás 10:30 horas de hoxe, apenas media hora antes do suceso da Coruña, o 112 Galicia recibiu información por parte dunha persoa particular sobre a localización doutro corpo na Praia de Centeás, en Ares.

Tras as investigacións realizadas polos axentes da Garda Civil e da Policía Local, comprobouse que se trataba do home que o pasado luns desapareceu no concello coruñés. De feito, as forzas da orde estaban a participar nun operativo de busca, no que tamén colaboraban os voluntarios de Protección Civil, ata que esta mañá un veciño avistou o cadáver no medio das rochas da praia.

Así, os axentes da Policía Local, así como voluntarios de Protección Civil e membros do GES de Mugardos, acudiron decontado ao lugar para recuperar o corpo e evitar que o mar o levase de novo.