Escoitar
mércores, 7 Abril, 2021

Medios aéreos e terrestres tratan arestora de rescatar a un operario que caeu cunha máquina escavadora por un desnivel duns trinta metros nunha canteira situada en Quiroga, concretamente no lugar de Vilarbacú.

O lugar onde se atopa o home é unha zona de moi difícil acceso e, segundo os datos facilitados polos axentes da Garda Civil ao 112 Galicia, arestora, membros dos equipos de emerxencia desprazados conseguiron chegar ata el por terra, aínda que a súa situación complica a evacuación ata unha zona superior.

O 112 Galicia recibiu a alerta do accidente laboral a través dunha persoa particular ao fío das 16:30 horas e, a partir de aí, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia alertouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizaron senllos helicópteros de rescate, unha aeronave medicalizada e o Pesca II, respectivamente.

En canto aos medios terrestres desprazados, desde Emerxencias 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Monforte, da Garda Civil, da Policía Local, do GES de Quiroga e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade lucense.

Rescatan a un home que caeu dunha bicicleta no monte en Vigo
Por outra banda, en Vigo, un home precisou axuda para recibir asistencia médica esta tarde ao caer da bicicleta que manexaba no Monte Vixiador, ao redor das 17:30 horas.

Tras recibir a alerta da súa situación no 112 Galicia a través dun familiar do varón accidentado, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local, dos Bombeiros de Vigo e de Protección Civil.

Así, os axentes da Policía Local lograron acceder ata o lugar onde se atopaba o home ferido coa axuda dun todoterreo e apoiaron ao equipo médico desprazado a evacualo ata unha ambulancia.