Escuchar
sábado, 22 Febreiro, 2020

A circulación pola AG-53 viuse novamente afectada despois de  producirse un segundo accidente á altura do punto quilométrico 81.

Dous turismos colidiron contra o guindastre que realizaba a retirada do camión accidentado nas primeiras horas da mañá de hoxe, e un dos implicados tivo que ser excarcerado polos bombeiros.

Todo ocorreu ás 12:15 horas. Nese momento o 112 Galicia tivo constancia do sinistro tras recibir a chamada de alerta dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Segundo a información facilitada aos xestores do 112 polos equipos de intervención que se atopaban no punto, na operación de retirada do tráiler, o ocupante dun dos vehículos necesitaba axuda para poder ser evacuado.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE), solicitouse a intervención dos Bombeiros de Carballiño. Debido á gravidade das lesións, o equipo sanitario mobilizou á aeronave medicalizada con base en Ourense.

Finalmente, os bombeiros fixeron uso do material de excarceración para liberar á persoa atrapada. En total, dúas persoas foron trasladas polo persoal sanitario desprazado ata o lugar do accidente.

O operativo completouse cos axentes da Garda Civil de Tráfico e efectivos de mantemento da vía.