Escuchar
mércores, 4 Decembro, 2019

Un incendio calcinou por completo un vehículo a pasada noite sen que se rexistrasen danos persoais. Os feitos tiveron lugar no concello da Cañiza e foi o segundo incidente destas características rexistrado polo 112 Galicia na provincia de Pontevedra nas últimas 24 horas.

Foron varios os particulares que contactaron co 112 Galicia, ao fío das dez da noite, para solicitar medios de extinción para un turismo en chamas na A-52, á altura do punto quilométrico 275, dirección Ourense. Segundo a información facilitada polo condutor do automóbil aos xestores do 112, o incendio foi causado, posiblemente, por unha avaría.

Decontado, desde o Centro integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Vigo, dos membros do GES-SPEIS Ponteareas e da Policía Local. Unha vez no punto, os servizos de emerxencia puideron atallar as lapas e confirmar que o vehículo ardeu por completo sen que ninguén resultase ferido.

Ademais, tamén foi precisa a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico, xunto aos profesionais do servizo de mantemento da estrada para restablecer as condicións de seguridade na vía.