Escoitar
sábado, 16 Xuño, 2018

Un home que saíra a pescar nunha embarcación de recreo a pasada tarde pola ría de Cedeira foi atopado falecido. O achado produciuse tras unha intensa busca por terra, mar e aire dos servizos de emerxencias.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a lancha na que navegaba o pescador foi encontrada envorcada nunha zona de rochas e, posteriormente, o helicóptero de Salvamento Marítimo Pesca-II atopou, pasados uns minutos das 2:45 horas desta noite, o corpo do home.

O 112 Galicia tivo constancia da desaparición do pescador ás 00:05 horas a través dun dos seus familiares. Indicaba no seu relato que o home saíra a pescar ás 17:30 horas e non regresara. Engadía que adoitaba volver ás 21:00 horas.

Decontado, dende o CIAE 112 Galicia se puxo a situación en coñecemento do Servizo de Gardacostas de Galicia e de Salvamento Marítimo, que mobilizou aos helicópteros Helimer e Pesca-II, ademais de dúas embarcacións. Tamén, o 112 Galicia solicitou a colaboración da Garda Civil e dos Voluntarios de Protección Civil de Cedeira, que buscaron ao pescador por terra.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o corpo do pescador foi trasladado ao porto de Cedeira nunha embarcación de Salvamento Marítimo despois de ser localizado polo Pesca-II.