Escuchar
domingo, 25 Agosto, 2019

O estourido das baterías de alimentación das placas solares da casa da Área Recreativa de Frádegas, en Antas de Ulla, causou a alarma entre os seus ocupantes cando gozaban dun convite.

Por fortuna, ninguén resultou ferido e o incidente rematou nun problema eléctrico ao verse afectada a rede de subministro do inmoble.

Ao lugar do suceso acudiron os Bombeiros de Chantada e os membros do GES de Monterroso despois do aviso do 112 Galicia arredor das once da noite de onte. Foron os propios ocupantes da casa quen contactaron co servizo de emerxencias de Galicia para pedir axuda debido a que, tras o estourido das baterías, había ácido derramado. Precisamente, para remediar estes danos, os efectivos de emerxencias aplicaron serradura ata a completa absorción dos líquidos que desprenderon as baterías ao estourar.

Unha vez descartados os danos persoais e posibles fugas de gases, queda afrontar a sobrecarga que sufriu o sistema eléctrico tras a explosión.