Escuchar
sábado, 25 Agosto, 2018

Os servizos de emerxencias rescataron a pasada noite a un home que quedou atrapado nunha zona de difícil acceso na Praia de Rueta, en Cervo.

O 112 Galicia recibiu a chamada dun dos seus familiares ao fío das 22:45 horas, na que indicaba que o home saíra ás 18:00 horas do seu domicilio e se atopaba en paradoiro descoñecido. Engadía no seu relato que atoparan aparcada a súa furgoneta na Praia de Rueta. Ademais, os efectivos do GES de Cervo contactaron co 112 Galicia para dar conta da desaparición.

A partir de aí, os xestores do 112 Galicia informaron dos feitos ao 061-Urxencias Sanitarias, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Garda Civil e a Salvamento Marítimo, que mobilizou un helicóptero ata o areal.

Ademais, dende o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención dos Bombeiros de Viveiro, de Barreiros e das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Foz, Burela e Viveiro.

No operativo de busca, que coordinou a Garda Civil, participou tamén a Unidade Operativa de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o home foi localizado cun forte golpe na cabeza nunha zona rochosa e de difícil acceso, polo que tivo que ser rescatado no helicóptero de Salvamento Marítimo. Unha vez na aeronave, o ferido foi evacuado ao Aeroporto de Alvedro, onde unha ambulancia evaluou o seu estado de saúde.