Escuchar
sábado, 21 Setembro, 2019

Unha embarcación de Salvamento trasladou aos dous tripulantes ata o Porto de Muxía. Por fortuna, ningún deles precisou asistencia sanitaria.

Todo sucedía ao fío das 19:30 horas da pasada tarde, cando un particular poñía en alerta ao 112 Galicia. Indicaba que dúas persoas navegaban nunha lancha pneumática e pedían axuda, pola zona do Faro, no Cabo Touriñán.

Con estes datos, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informouse á Garda Civil e a Protección Civil de Muxía, que se desprazaron ata o punto cunha embarcación. Tamén, a “Salvamar Altair” de Salvamento se dirixiu decontado ata lugar, tras ser alertados do suceso o Servizo de Salvamento Marítimo e o Servizo de Garda Costas de Galicia polo 112 Galicia.

Finalmente, os dous tripulantes foron recollidos, en perfecto estado, pola embarcación de Salvamento. Segundo se lle informou ao 112 Galicia, un problema mecánico foi a causa pola cal os dous tripulantes pediron axuda ao verse en apuros.