
Se chegas a Galicia procedente de lugares con incidencia COVID19 debes comunicalo ás autoridades sanitarias tamén no caso de que sexas residente nesta Comunidade.
Que lugares son considerados de alta incidencia da enfermidade?
Cada 15 días o Goberno galego actualiza a listaxe de territorios que posúen unha incidencia epidemiolóxica 4 veces superior á de Galicia. Esta actualización vén xustificada pola evolución da situación tanto en distintas comunidades autónomas como noutros países.
Onde se pode consultar a lista?
A información pode consultarse tamén a través do Diario Oficial de Galicia, web e redes sociais da Xunta de Galicia e da páxina oficial de información sobre o Coronavirus.
Como rexistrarse?
Para proporcionar esta información, poderase cubrir o formulario que estará dispoñible na web https://coronavirus.sergas.gal/ ou facilitar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. A todos os viaxeiros indicarase un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela. Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias.