Escuchar
venres, 14 Xuño, 2019

Unha embarcación de Salvamento rescatou onte, san e salvo, a un home que navegaba co seu kayak fronte á praia de Coroso, en Ribeira.

Foi o mesmo implicado, quen, ao fío das 20:00 horas da tarde pasada, pedía axuda ao 112 Galicia. Indicaba que se atopaba fronte as bateas, onde a Illa do Faro,  estaba moi canso e non podía continuar.

Foi nese momento, cando os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo, que decontado enviou unha embarcación para facer o rescate. Así mesmo, informouse ao Servizo de GardaCostas de Galicia, á Policía Nacional, e aos membros do Grupo de Apoio de Emerxencias Municipal (GAEM) e de Protección Civil de Ribeira. Ademais, púxose en alerta ao persoal sanitario por si fose precisa a súa intervención.

Finalmente, a embarcación Salvamar Sargadelos rescatou ao home, con síntomas de esgotamento,  e trasladouno ata o Porto de Ribeira onde o agardaba unha ambulancia do 061 para trasladalo ata o Hospital do Barbanza.

Rescate en Vilagarcía
Tamén, en Vilagarcía, case á mesma hora, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que informaba dunha muller nadando cara o Porto, no medio do Canal, na praia da Concha-Compostela, e pedindo axuda. De inmediato, informouse  a Salvamento Marítimo, que puxo en marcha o operativo de rescate. Do mesmo xeito, desde o 112 Galicia informouse ao 061-Urxencias Sanitarias, ao Servizo de GardaCostas de Galicia, á Policia Nacional e  Local e aos efectivos de Protección Civil.

Minutos despois, a muller, foi rescatada por unha embarcación de Salvamento que a trasladou ata o Peirao de Vilagarcía onde a agardaba unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias.