Escuchar
venres, 8 Novembro, 2019

Unha muller foi evacuada ao Hospital Arquitecto Marcide na madrugada de hoxe ao sufrir unha intoxicación ao inhalar fume dun lume declarado na súa vivenda.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o suceso tivo lugar ás 6:00 horas no lugar de Malde, no concello coruñés de Valdoviño. A esa hora, unha persoa particular contactou co 112 para solicitar axuda para unha veciña da localidade que resultou afectada polo intenso fume provocado por un incendio orixinado nun colchón dentro do seu domicilio.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ferrol, dos membros do GES de Mugardos e tamén dos axentes da Garda Civil.

Finalmente, o incendio foi sufocado sen a necesidade de que chegasen a intervir os servizos de extinción e a muller puido ser trasladada en ambulancia ata o centro hospitalario.

Seis vehículos calcinados nun incendio en Pontecesures
Por outra banda, un lume nun taller mecánico afectou a seis vehículos – e calcinou por completo a dous deles –  no 
concello pontevedrés de Pontecesures, sen, afortunadamente, causar danos persoais.

Todo comezou ás 2:30 horas desta madrugada cando o 112 Galicia recibiu o aviso dun incendio no lugar de Redondo.

Tras ser avisados polo 112, os Bombeiros do Salnés e os membros do GES de Valga acudiron ao lugar dos feitos e puideron controlar as lapas.

Co fin de aclarar as circunstancias do suceso, tamén foron informados os axentes da Garda Civil.