Escuchar
venres, 12 Xullo, 2019

Unha colisión múltiple, con tres vehículos implicados, deixou esta tarde tres persoas feridas ao paso por Setecoros, en Valga (Pontevedra).

Os membros do GES da localidade, que acudiron ao lugar nada mais ser alertados polo 112 Galicia, indicaron que un dos feridos tivo que ser excarcerado, tras quedar atrapado no interior dun dos turismos.

Ao fío das 17:30 horas, unha persoa particular informaba ao 112 Galicia do accidente. Asegura, ademais, que había unha persoa atrapada.

Así, con estes datos, o 112 puxo axiña en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros do Salnés, así como tamén informou ao GES de Valga, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local.

Os tres feridos foron trasladados polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia.

Colisión sen feridos na AP-9
Por outra banda, pasados uns minutos das 17:00 horas, un particular comunicaba ao 112 Galicia que acababa de ter un accidente. Indicaba que se tratou dun choque por alcance, no punto quilométrico 130 da AP-9, dirección Santiago, no concello de Poio. O mesmo alertante indicaba que estaba moi nervioso e que os coches estaban na beiravía.

Aínda que o implicado aseguraba que ninguén resultara ferido, desde o 112 pasouse aviso, igualmente, ao 061-Urxencias Sanitarias. Tamén se informou aos axentes de Tráfico e da Policía Local e aos membros do GES de Sanxenxo e de Protección Civil da localidade.

Así mesmo, informouse dos feitos ao persoal do servizo de mantemento da Autoestrada.