Escuchar
venres, 31 Agosto, 2018

Tres persoas resultaron feridas no accidente que tivo lugar na A-8, á altura do Fiouco, en Abadín. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, unha colisión entre unha caravana e un camión no punto quilométrico 543 en sentido Vilalba deixou dúas persoas feridas leves e unha grave.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as dúas persoas accidentadas que resultaron feridas leves foron trasladadas ao Hospital de Burela e a vítima grave ao Hospital Universitario Lucus Augusti.

Ademais, tras este primeiro choque, dous coches colidiron entre eles uns metros máis atrás sen que ningunha persoa resultase ferida.

O 112 Galicia recibiu varias chamadas de persoas particulares ás doce deste mediodía nas que solicitaban asistencia médica para os posibles feridos. A partir de aí, dende o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Vilalba e persoal de limpeza e mantemento da vía.

Debido ao accidente, o tráfico viuse interrompido en ambos os dous sentidos e habilitáronse desvíos provisionais ata ás 14:30 horas, momento en que quedaron restablecidas as condicións de seguridade na autovía.