Escuchar
venres, 7 Decembro, 2018

Unha colisión frontal entre dúas furgonetas saldouse a pasada tarde con tres persoas feridas no termo municipal coruñés de Trazo. Segundo os datos facilitados o 112 Galicia, unha das vítimas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Ordes, ao quedar atrapada no interior dun dos vehículos accidentados.

O accidente tivo lugar na DP-5903, concretamente no punto quilométrico 15,500, ao fío das 20:00 horas. Nese momento, varios particulares contactaban co 112 Galicia para alertar do sinistro.

Acto seguido, os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Ordes e de Santiago, á Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento da estrada.

Finalmente, as tres persoas feridas na colisión frontal foron trasladadas polos efectivos sanitarios ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Saída de vía
Por outra banda, esta mañá en Redondela tiña lugar unha saída de vía dun camión á altura da parroquia de Quintela. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o vehículo rematou envorcado ao caer por un desnivel. Afortunadamente, o condutor do camión resultou ileso.

A causa do accidente, o vehículo verteu combustible na estrada e foi necesaria a limpeza da vía. Ademais, os dous carrís en sentido Tui foron cortados pola presenza do camión na vía, polo que se habilitou un carril en sentido A Coruña para circulación de vehículos.

Os feitos ocorreron no punto quilométrico 145 da N-550. O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 08:20 horas, a través do aviso de varios particulares.

A partir de aí,  o persoal do CIAE-112 puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, de Protección Civil de Redondela, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e dos Bombeiros do Baixo Miño e de Vigo e ao servizo de mantemento da estrada.