Escuchar
venres, 18 Setembro, 2020

O 112 Galicia rexistrou nas últimas horas tres sucesos que resultaron mortais e tiveron lugar en diferentes localidades: Mazaricos, Vila de Cruces e Palas de Rei.

O máis recente ocorreu ás 7:30 horas en Mazaricos, onde o único ocupante dun turismo perdeu a vida despois de bater contra unha máquina agrícola. Foi unha persoa particular quen deu a voz alarma a través da súa chamada ao 112 Galicia, na que indicaba que a vítima estaba posiblemente atrapada no interior do seu vehículo. Así, pois, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros do Xallas para liberar á persoa, xa falecida. 

En canto á persoa que manexaba a máquina agrícola, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou que resultou ilesa.

Neste operativo actuaron tamén os membros do GES de Muros en colaboración cos bombeiros do parque de Santa Comba, e, ao lugar do accidente, que se produciu na estrada da Picota a Punta Olveira, en Zanfoga, acudiu unha patrulla da Garda Civil de Tráfico co fin de coñecer todos os detalles do accidente. 

Cómpre indicar que a persoa que alertou do sinistro a través do 112 Galicia asegurou que o vehículo bateu por alcance coa máquina agrícola.

Localizado o corpo dunha muller flotando nun depósito de auga
Moito antes do accidente de Mazaricos, en Vila de Cruces, saltou, pasadas as nove da noite de onte, a alerta por mor dunha muller que atoparon flotando nun depósito de auga, no lugar de Cirela. Foron uns familiares quen, ao chegar á casa, localizaron á señora e, decontado, chamaron ao 112 Galicia.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero nada se podía facer por esta muller, cuxo corpo aboiaba na auga.

Para o rescate do cadáver, pediuse a colaboración dos Bombeiros do Deza, así como dos membros do GES de Lalín. Tamén colaboraron os axentes da Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil da localidade.

Accidente mortal de tractor en Palas de Rei
Por último, en Palas de Rei, sobre as oito da tarde de onte, o 112 Galicia tivo coñecemento doutro accidente mortal, no que tamén estaba implicada unha máquina agrícola. En concreto, tratouse dun tractor que envorcou no lugar de Merlán. A súa condutora quedou atrapada, polo que deberon actuar os Bombeiros de Chantada, xunto cos membros do GES de Monterroso. Sen embargo, nada puideron facer por salvar a vida da muller.

No operativo tamén interviñeron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes da Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil de Palas de Rei.